Thursday 16 de May de 2024

Un cento de persoas desfrutan dunha lacoada e dun baile de disfraces organizados polo Club de Xubilados de Lousame


Un cento de persoas desfrutaron dunha lacoada e dun baile de disfraces organizados este domingo polo Club de Xubilados de Lousame no local que a asociación ten en Aldeagrande. Un evento que a asociación aproveitou tamén para celebrar a súa asemblea ordinaria.

A festa comezou ás 14:00 horas cunha gran lacoada na que a maioría das persoas asistentes acudiu disfrazada. Despois de xantar e da asemblea da asociación, tivo lugar un baile de disfraces amenizado polo grupo folclórico O Son do Pote (Tállara) ata ben pasadas as 21:00 horas.

Durante a festa, moitas das persoas asistentes aproveitaron tamén para visitar a II Exposición Etnográfica de Fotografía, unha mostra de 99 fotos antigas, de entre os anos 20 e 60 do século XX, que se pode visitar todos os domingos, de 17:00 a 20:00 horas, nas instalacións do Club de Xubilados de Lousame.